Baldo Ramos


Escribo para non darlles a razón ós que me ignoran

Escribo para non darlles a razón ós que me ignoran.
Escribo para non sentir que estou acompañado.
Escribo para andar os pasos
dos que me leron nos seus versos.
Escribo para renunciar a vivir
como os que viven sen renunciar
ó que non pretenden.
Escribo para non ter desculpa no xuízo final
se é que hai un final e nos enxuízan daquela.
Escribo para lembrarme
dos que xa non poden lembrarse de nós
porque alguén lles impide
atopar palabras coas que calar para sempre.
Escribo para atopar esas palabras que nos alivien.
Escribo, en fin, para entenderme
cos que están lonxe de nós
coma deles mesmos.


Roubáchesme as palabras

Roubáchesme as palabras
coas que poder dar razón do meu silencio.
Negáchesme a man
que noutro tempo me ofrecera
a imposible resignación de procurarte.
Fixeches do tempo
unha gramática da renuncia,
un lugar no que agochar
as palabras máis ferintes.
Non importa que esteas lonxe
e que medre na nostalxia
a semente do esquecemento.
Tampouco agroma o froito
sen que podreza antes a flor
que o fertiliza.
Nin importa que a mudez desta distancia
nos impida desandar
o camiño que as palabras nos negaron.


Baldo Ramos (Celanova, Ourense, 1971). Poeta y artista plástico. Ganador de diversos certámenes literarios. Ha publicado algunos libros de poesía.